
“Quiñón”, “augas de pilla pillota e de torna a torna”, “serventía”, “esteiro”, “petróglifo”, “choupín” ou “fungo” son palabras que teñen en común, ademais de pertencer aos ámbitos xurídico, medio ambiental e micolóxico, que reflicten un vínculo entre o coñecemento especializado e a identidade galega. Estes termos sumados a outros 26 integran o primeiro glosario Escolma de termos científicos, un mini-diccionario de vocabulario científico e técnico, unha iniciativa da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, co obxectivo de recoller e conservar termos científicos enxebres, procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio.
Os docentes e investigadores da UVigo Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro son os autores da escolma de termos nos ámbitos do dereito, o medio ambiente e a micoloxía, respectivamente, que se corresponden coas súas áreas de investigación e que escolleron pola súa relación co territorio, a cultura, as tradicións ou a historia. “Normalizar o uso do idioma propio no ámbito educativo, facer visible o traballo investigador que se realiza na Universidade de Vigo en galego e apoiar a investigación científica nesta lingua”, son os obxectivos da publicación, segundo explicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, no acto de presentación do volume, que tivo lugar este mañá no edificio Redeiras.

Un equipo multidisciplinar formado por investigadores do grupo GEN (Ecobas); do grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (Instituto de Agroecoloxía e Alimentación do Campus da Auga) e do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo está a desenvolver un ambicioso proxecto único no mundo para deseñar un sistema integrado e sostible de cultivo, engorde e repoboación da centola Maja brachydactyla. Esta iniciativa, bautizada como Maja, foi presentada este venres na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Os seus impulsores explicaron que se trata dunha liña de investigación que busca obter individuos de talla comercial para consumo e tamén para a repoboación de bancos naturais desestruturados da ría de Vigo, de xeito que se maximice a eficiencia produtiva e se contribúa á conservación e recuperación da especie. Ademais, de acordo cos estándares de economía circular, buscarase a valorización dos subprodutos do proceso.
O proxecto, que arrancou este pasado verán, está liderado por Jose Eugenio López Periago, profesor do Departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo e desenvólvese nas instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ata xaneiro de 2026. Conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar e cofinanciado pola Unión Europea a través do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura). O orzamento total é de 383.899 euros, achegando o FEMPA o 70% e a UVigo o 30%. Ademais, nesta iniciativa que xurdiu da sociedade civil, como explicaba López Periago, están implicadas tamén a empresa Abonomar, a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo e a compañía Dibaq Diproteg.

Persoal investigador do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo e da Misión Biolóxica de Galicia, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), poñen en marcha a Unidade Asociada Comunidades Microbianas de Solos. O seu obxectivo é, durante os próximos tres anos, estreitar a colaboración no estudo da optimización do sistema solo-comunidade microbiana-planta e implementar solucións baseadas na natureza para a xestión sostible dos ecosistemas agrícolas e forestais.
Concretamente, a súa posta en marcha prodúcese despois de que o Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que dispón da figura de Unidade Asociada para colaborar con outras institucións en áreas comúns ás dos seus institutos, concedeu, por resolución da súa presidencia, esta condición, a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), a Comunidades Microbianas de Solos, da Universidade de Vigo. O investigador responsable da Unidade Asociada é David Fernández Calviño, director do citado Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, e a responsable do CSIC nela é Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica na MBG e xefa do grupo Bioquímica e Calidade de Solos.