Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Un equipo multidisciplinar formado por investigadores do grupo GEN (Ecobas); do grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (Instituto de Agroecoloxía e Alimentación do Campus da Auga) e do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo está a desenvolver un ambicioso proxecto único no mundo para deseñar un sistema integrado e sostible de cultivo, engorde e repoboación da centola Maja brachydactyla. Esta iniciativa, bautizada como Maja, foi presentada este venres na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Os seus impulsores explicaron que se trata dunha liña de investigación que busca obter individuos de talla comercial para consumo e tamén para a repoboación de bancos naturais desestruturados da ría de Vigo, de xeito que se maximice a eficiencia produtiva e se contribúa á conservación e recuperación da especie. Ademais, de acordo cos estándares de economía circular, buscarase a valorización dos subprodutos do proceso.

O proxecto, que arrancou este pasado verán, está liderado por Jose Eugenio López Periago, profesor do Departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo e desenvólvese nas instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ata xaneiro de 2026. Conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar e cofinanciado pola Unión Europea a través do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura). O orzamento total é de 383.899 euros, achegando o FEMPA o 70% e a UVigo o 30%. Ademais, nesta iniciativa que xurdiu da sociedade civil, como explicaba López Periago, están implicadas tamén a empresa Abonomar, a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo e a compañía Dibaq Diproteg.

Ler a nova completa no DUVI