Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

“Quiñón”, “augas de pilla pillota e de torna a torna”, “serventía”, “esteiro”, “petróglifo”, “choupín” ou “fungo” son palabras que teñen en común, ademais de pertencer aos ámbitos xurídico, medio ambiental e micolóxico, que reflicten un vínculo entre o coñecemento especializado e a identidade galega. Estes termos sumados a outros 26 integran o primeiro glosario Escolma de termos científicos, un mini-diccionario de vocabulario científico e técnico, unha iniciativa da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, co obxectivo de recoller e conservar termos científicos enxebres, procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio.

Os docentes e investigadores da UVigo Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro son os autores da escolma de termos nos ámbitos do dereito, o medio ambiente e a micoloxía, respectivamente, que se corresponden coas súas áreas de investigación e que escolleron pola súa relación co territorio, a cultura, as tradicións ou a historia. “Normalizar o uso do idioma propio no ámbito educativo, facer visible o traballo investigador que se realiza na Universidade de Vigo en galego e apoiar a investigación científica nesta lingua”, son os obxectivos da publicación, segundo explicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, no acto de presentación do volume, que tivo lugar este mañá no edificio Redeiras.

Ler a nova completa no DUVI